domingo, 30 de marzo de 2014

Pior cos transxénicos, é posíbel? Pois sí! Chega a bioloxía sintética

A noticia fixo un pouco de ruido, pero tampouco foi tanto: creouse vida artificial, segundo o vimos nos medios esta semán (ligazón). Xa vai tempo que viramos algo disto na rede, e ata pensamos que se tratara dunha destas bromas de internet. Pero non. O futuro xa esta aquí, outra vez máis. Se fose para ben... Pero moito nos tememos que xa naceu algo moito pior ca tecnoloxía dos transxénicos.


Que é a bioloxía sintética?

Recomendámovos moito este excelente artigo sobre os perigos que hai detrás de todo isto (ven en francés, pero a tradución da páxina non sae mal).

Básicamente, a bioloxía sintética consiste en facer novos anacos de ADN, a partires das partes esenciais do ADN (as famosas bases GTCA que compoñen o ADN) (aquí un vídeo explicativo) Estes anacos de ADN, que se coñecen, ensámblanse en cadea, nun proceso que, literalmente, se asemella ao popular xogo de "lego". De feito, xa estan dispoñibeis as pezas separadas, "os ladrillos", para que quen queira os ensamble; quen fai isto? entre outros "biobriks", o nome non pode ser máis revelador. Mesmo se queredes, aquí tedes un catálogo cos ADNs preparados xa para montar, con prezo e todo.

Para qué sirve?

Xa podedes imaxinar: calquera cousa que queiramos facer. Fabricamos un ADN que codifique o noso produto, o metemos nunha bacteria, damos-lle de comer biomasa ou sucre, e ala! a producir. O que se acaba de publicar en Science, é que xa se meteu esa vida en formato de cromosoma, que convive cos naturais, polo que xa temos nova vida, con ADN artificial, e que se pode reproducir tal cual. Coma sempre, han-nos vender isto como a solución a moitos problemas da humanidade, con múltiples aplicacións:

- fabricación de gasóleo e outras enerxías limpas, para contrarrestar o esgotamento dos xacementos
- fabricación de menciñas máis baratas
- fabricación de bacterias superdescontaminantes
- materiais biodegradábeis

En fin, unha marabilla! Se ata poden pensarse as aplicacións máis imaxinativas/tolas: árbores sintéticos que incorporen xens de luminiscencia, para facer árbores que luzan na noite, e así prescindir das farolas, porque non (sic)? E, igual que no caso dos transxénicos, todo isto vendese como ecoloxiquísimo!

Que hai detrás?

Os forofos desta cuestión teñen o seu xa consolidado concurso estudiantil, o iGEM, e tamén estan a nacer outros máis. Non deixedes de mirar a súa web, a que impresiona tanta mocidade preparada para fabricar a vida de mañá, non si?

Como todo isto é, simplesmente, unha codificación GTCA-GTCA-GTCA, os procesos de fabricación volvense moi fáciles, todo se pode mandar dunha máquina a outra vía internet!

Claro, como no caso dos transxénicos, o que se pretende é evidentemente patentar todo, e preparar os grandes beneficios de mañá, para as grandes multinacionais químicas.O volume de negocio que se preve supera o que se imaxinou coa burbulla das empresas de internet... Por algo será que Bill Gates tamén anda financiando este tipo de proxectos, a maiores de financiar, tamén, a conservación de material xenético de Noruega; evidentemente, unha cousa vai ligada a outra: primeiro conservo o ADN para mirar o que me sirve para as miñas fábricas. Patentarei. E seguirei forrándome aínda máis, se indemnizar, evidentemente, a quen conservou inicialmente as plantas, é dicir, aos labregos e labregas.

Xa se pensa en independizarse da agricultura, e facer os alimentos artificialmente en complexos industriais. (Pero, con un matiz... as bacterias teñen que comer para trasnformar... xa vemos a todo o campo cultivado con remolacha azucareira, millo e outros cultivos para biomasa para darllo de comer as bacterias que fabriquen con isto os combustíbeis e a carne artificial...).

Mesmo pensan en todo: para non mesturar cousas, xa poderíamos usar bases algo distintas das que compoñen naturalmente o ADN, e así  saberíamos diferenciar sempre o artificial do natural. Velaí o nacemento da xenobioloxía (curioso, o termo foi empregado polo famoso autor de ciencia ficción Orson Scott Card, na trioloxía de Ender, iniciada ano 1977; se xa vivimos nun mundo feliz, a clarividencia dos autores de ciencia ficción asombra, GATACCA queda cada vez máis cerca).

Pero non todo é negro: xa hai corrente alternativa, que reivindica dispoñibilidade pública dos recursos, nunha especie de ADN "Open Source". Mesmo hai quen propón un "fai-no tí mesmo", para facer ADN na casa, ou casí.

Atentos e atentas, pois. Agardanos novas batallas de moito calibre para defender unha agricultura labrega, ecolóxica, destinada a alimentar os pobos antes cas contas das multinacionais.


Ningún comentario:

Publicar un comentario